Sunday 05 de May de 2024

Turismo de Galicia achega máis de 800.000 euros para a sinalización e mellora do Camiño Francés


Ademais dos 320.000 euros da primeira fase rematada en marzo, a Xunta investirá medio millón de euros nunha segunda actuación que se iniciará en xullo
Turismo de Galicia iniciará a finais do mes de xullo a segunda fase das obras de mellora do Camiño Francés para a adaptación do itinerario á delimitación oficial. Así llo comunicou a directora deste organismo, Nava Castro, a alcaldes dos municipios beneficiados: Arzúa, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Paradela, Portomarín e Samos. No encontro tamén participou o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

Con estas actuacións, cunha duración duns catro meses, complétase o ambicioso proxecto de sinalización do Camiño Francés impulsado por Turismo de Galicia cun investimento total superior aos 800.000 euros xa que os traballos que se executarán nesta segunda fase contan cun investimento de licitación superior ao medio millón de euros, que se suman aos máis de 320.000 euros da adxudicación da primeira fase, traballos rematados en marzo deste ano.

A directora explicou que se incorporará unha sinalización provisional de obra para que o Camiño nunca deixe de estar sinalizado. Así mesmo, afirmou que o obxectivo é unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago, un dos símbolos de Galicia, e ofrecer un mellor servizo aos peregrinos que se decantan por este itinerario.

Neste sentido, en 2015 optaron polo Camiño Francés 172.243 dos 262.516 peregrinos que chegaron a Compostela, un 65,61% do total, sendo 64.695 os que recibiu esta vía no que vai de ano.

Detalle dos traballos a realizar
As obras previstas actuarán sobre a sinalización existente e tamén sobre o estado de accesibilidade do Camiño. Ademais, supoñen a apertura de tramos ata agora non abertos ao tránsito dos peregrinos. Todas estas actuacións realizaranse coas máximas garantías de respecto aos valores tradicionais.

En canto á sinalización, colocaranse mouteiras, cunchas cerámicas ou de bronce, placas e outros sinais atendendo ao Manual de Sinalización Turístico de Galicia.

A actual sinalización do Camiño dispón que as mouteiras se colocarán cada 500 metros no trazado principal ou ao inicio e final cando son itinerarios complementarios ou de vestixios históricos. As mesmas deben ser de granito, con frecha tallada e pintada en amarelo, placa de latón co punto quilométrico e co texto “Galicia” gravado.

En canto ás cunchas, serán de cerámica e colocadas en horizontal cunha frecha das mesmas dimensións indicativa da dirección. Nos lugares considerados Ben de Interese Cultural disporanse cunchas de bronce.